Monday 06 de May de 2024

O Concello de Boqueixón conmemora o 8 de Marzo baixo a lenda “No camiño da igualdade”


A rapazada dos centros educativos do municipio recibiron un bidón de agasallo para animalos a que “os 365 días do ano percorran o Camiño da Igualdade”

“A igualade de xénero non é cuestión dun día, nin dun mes. Debe ser un compromiso ineludible de toda a cidadanía no seu conxunto. Porque o 8 de Marzo debe consolidar o alcanzado para poder seguir camiñando: no camiño da igualdade”. Con estas palabras remataba o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, a lectura do manifesto conmemorativo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.

Un acto conmemorativo que tivo lugar no salón de plenos, onde o alcalde estivo acompañado polos traballadores e traballadoras municipais. Tras lembrar as 43 mulleres asasinadas no ano 2021 e como a pandemia sanitaria tamén prexudicou en especial ás mulleres, Fernández Munín afirmou que “o Concello de Boqueixón proclama a igualdade de todas as persoas independentemente do seu sexo, reitera o seu compromiso coa defensa dos dereitos das mulleres e co obxectivo de que ocupen o lugar que lles corresponde, o mesmo cos homes”.

Agasallo aos escolares

Paralelamente, o Concello de Boqueixón fixo entrega de bidóns de auga entre os escolares do municipio. Uns bidóns de cor violeta, cos símbolos do CIM e un texto que di: “as mans para loitar, non para ferir. A fala para acariñar, non para anular. 8M, no camiño da igualdade”. A campaña está promovida dende o Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón, en colaboración co Ministerio de Igualdade e o Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero.

O alcalde boqueixanés enviou á rapazada un texto no que os animaba a que “os 365 anos do ano percorran o Camiño da Igualdade. Que os seus pasos sexan firmes en respecto e non en discriminación. Que as súas pisadas en igualdade sexan imborrables”.